A BANDA DA BALBINA

No 2008 naceu a Estomballada, e con ela A Banda da Balbina. Esta canción acadou unha ampla difusión na radio e TVG, e noutras canles, formando parte tamén do repertorio de algunha orquestra galega. Un ano máis tarde lanzaron O fillo do mar, e con el chegou o primeiro premio da Radio Galega do programa Apologhit. Co empuxón que significou este premio, o grupo comezou a súa andaina polas festas e concertos de toda Galicia (compartindo escenario con Mercedes Peón, Festicultores, Cuchufellos…) levando sempre boa música en galego e moita festa. As súas creacións seguen mantendo uns ritmos festeiros e unha retranca propia do país. Se hai algo que os define é que cantan e contan historias que son nosas e comúnsn as catro provincias de Galicia. Dende os seus inicios manteñen unha proposta que mestura ritmo e melodía ca musicalidade da lingua galega. No 2016 foron gañadores nos III Premios Martín Códax da Música na categoría de reggae/ska/mestizaxe e do primeiro premio da RTVG do programa “Somos quen”, e editaron o seu novo disco, Convertindo cuncas en ferrados.

A CAIXIÑA DOS MISTOS

A Caixiña de Mistos é unha sala de proxección de contidos audiovisuais infantís dentro dunha caravana itinerante. Comenzou a súa viaxe en maio de 2009 e desde entón non deixou de percorrer as vilas e cidades galegas. Desta maneira ofrécese un novo soporte de espectáculo para este tipo de contidos, innovador e próximo ao público infantil ata os 14 anos. A Caixiña de Mistos estará na zona da praia Area da secada, con proxeccións de temática medio ambiental.

A NOITE MÁIS KRAHE

Homenaxe ao desaparecido cantautor Javier Krahe con Carlos Blanco como mestre de cerimonias e unha chea de convidados que versionarán algúns dos seus temas máis coñecidos. Estará chea da retranca e a poesía krahiana que tan ben exhibiu el mesmo nos seus directos. Manterán viva a súa obra e a súa memoria da mellor maneira: cantando as súas cancións. Carlos Blanco e Roberto Sobrado con convidados: O Leo e Arremecághona, Jesús Piñeiro, Xosé Constenla, Uxía, Tatán, Josito Porto e Sabela Dacal, Sergio Zearreta, Pablo Vidal, Rafa Campoy e Manuel Seixas.  

ANTILIA

A artista María Costas presenta o seu novo traballo musical, Norte e sur. Antilia, un nome que fai referencia a unha mítica illa grega, obxecto de numerosas lendas, casa perfectamente coa intención evocadora e poética da súa música, cantada na nosa lingua. As súas composicións, de sabor atlántico, son un compendio de jazz, blues, rock sinfónico e aportacións do folk, cun toque de sofisticación nos arranxos e influencias que van dende Bob Dylan a Joni Mitchell, pasando por referentes como Billie Holiday, Amalia Rodrigues, José Afonso e Caetano Veloso, Madredeus, King Krimson, Led Zeppelin e Mike Oldfield, Amancio Prada e Jei Noguerol.

CATALINA LINO LINA

Glup, Glup Teatro presenta unha peza teatral enfocada a transmitirlle ao público de 3 a 12 años a paixón polos libros. Catalina Lino Lina, farta de esperar a que alguén abra as páxinas do libro no que habita para poder cobrar vida, decide escapar para vivir as súas propias aventuras.

FALÚA

Falua, composto por Sara de Sousa na voz e Gonzalo Goás Amado na guitarra, integra no seu repertorio un percorrido polos sons da lusofonía con músicas galegas, portuguesas e mesmo brasileiras. A formación folk do violista mestúrase coa tradición fadista creando deste xeito o estilo que da unha nova luz a temas que fan parte da historia musical lusófona. Sara de Sousa é unha cantora de formación moderna (estudou algún tempo na Escola de Jazz da Coruña) e folk (estivo en aulas a cargo da profesora Mercedes Peón de canto, pandeireta e danza galega) apaixonada polas músicas tradicionais lusófonas, en especial polo fado portugués. Ten sido cantora solista de diversas bandas con diferentes estilos: fado (Fado Maior) e boleros (Sara de Sousa Trío e Bolero en clave de son). Gonzalo Goás Amado é un violista autodidata. Ten participado en moitos grupos de raíz tradicional, como A Quenlla, A banda das Crechas, Davide Salvado e Brath. Actualmente é membro tamén de Os d’Baixo, Tis-che-tein.

OS MONICREQUES DE KUKAS – O ENCORO ENMEIGADO

Os Monicreques de Kukas forman parte da historia da escena galega dende hai case que catro décadas. Marcelino de Santiago, Kukas, e Isabel Rey crearon en 1979 en Compostela a que é a compañía de títeres máis antiga de Galicia. Preto de medio cento de montaxes nestes anos e proxectos do máis diverso -dende as súas colaboracións coa Real Filharmonía de Galicia á elaboración de marionetas para Xapón, pasando por montaxes para adultos e rapaces- forman parte da historia da recoñecida compañía de Compostela. O espectáculo“O encoro enmeigado (nas fragas do Eume)”ten a intención de espertar entre os espectadores, sobre todo os máis novos, o respecto polo medio ambiente, a valoración da natureza, e o compromiso co coidado do noso entorno e a fauna que vive nel e dunha maneira moi especial coa conservación dos nosos ríos e bosques, e ao mesmo tempo recuperar e por en valor aos personaxes míticos da nosa cultura popular nunha posta en escena divertida, poética e plasticamente moi atractiva para o espectador.

PETER PUNK – PEOR IMPOSIBLE

Isaac Rodríguez métese de novo na pel de Peter Punk, quen para moitos é o mellor pallaso galego do momento, para enfrentarse á realidade a golpe de humor e un pedazo de mala baba.“Peor imposible”é o seu cuarto espectáculo, co que consolida a súa colaboración con Walter Velázquez, prestixioso dramaturgo arxentino. O pallaso galego e o director arxentino tecen fermosas imaxes e complexos equilibrios cos comentario sácidos característicos da personaxe ata construir un espectáculo irreverente e comprometido. Humor “retranqueiro”, números participativos, equilibrios con nove paraugas, un impactante circuito da morte e un evocador final cun arriesgado equilibrio son algúns dos fios dos que está feito “Peor imposible”, unha proposta clown nada en Galicia e punteira a nivel internacional.  

PISTA CATRO – TRASNO

Pista catro productora de soños é a compañía e productora de circo máis relevante das artes vivas en Galicia. Distribúe as súas producións propias ou algunhas outras que nacen da matriz creativa do proxecto Circonove. Logo de dez anos dende a súa constitución, Pista catro pretende continuar asentándose como a produtora decana das novas correntes circenses en Galicia e dende Galicia para o mundo, abrindo novos mercados e públicos. Pablo Reboleiro é un artista multidisciplinar galego, creador, director escénico e director artístico da compañía Pista catro. Formado en circo en The Circus Space, en teatro en Espazo Aberto e en danza en numerosos cursos en todo o mundo. Xira polo mundo cos seus espectáculos cunha mistura de circo, danza e teatro sempre dende a base cómica e humana do paiaso. “Trasno"é o espectáculo individual que fixo a Pablo Reboleiro coñecido no mundo. Representouno en lugares tan dispares coma Arxentina, Brasil, Rusia ou a India, chegando a públicos tan diferentes co seu humor atolado.

SESIÓN VERMÚ – DORNA

O grupo de gaitas da A.C.D. Dorna, naceu nun primeiro momento ó amparo do grupo de baile da nomeada asociación. O grupo actualmente está dirixido polo mestre gaiteiro Alberto Barreiro Docampo“Warren”, que está a desenvolver un traballo de apredizaxe do repertorio tradicional que el mesmo recolle nos traballos de campo que realiza. O traballo do grupo ten como obxectivo a formación de músicos e a súa evolución persoal dentro dos cánones da música de raíz e de composición propia. Na actualidade a escola está formada por aulas de iniciación e perfeccionamento de gaita tradicional e por unha escola de percusión. O repertorio tenta abranguer todos os aspectos dende o punto de vista rítmico e formal con diferentes ritmos, melodías e formas de entender a música tradicional, e sempre sen esquecer o obxectivo final desta música: o divertimento e o baile.

VICTOR COYOTE

Víctor Coyote é un dos precursores en mesturar as músicas máis latinas e o rock and roll máis clásico en España; un artista atemporal que fuxe de modas. Despois da súa etapa rockabilly no grupo Los Coyotes, cos que comenzou a súa traxectoria musical nos anos 80, coincidindo coa movida madrileña, creou o rock latino en España co seu disco Mujer y sentimiento. En cada novo traballo sorprende e crea tendencia. Desta volta, con De pueblo y de río, nos leva de viaxe desde o sur de Italia ata o norte de Portugal, desde Brasil ao sur dos EE. UU. e desde Grecia a Venezuela en trece clásicos populares interpretados ao seu xeito, rompendo fronteiras e coa produción de Pablo Novoa (Golpes Bajos, Mastretta, Josele, Bebe, Radio Pesquera). Virá acompañado de Ricardo Moreno (virtuoso baterista excompoñente de Los Ronaldos). Durante un tempo formou con Uxía e Rómulo Sanjurjo A banda hospitaleira do Minho, un grupo con sons raianos. Achegouse ao público infantil galego a través das súas colaboracións no programa Xabarín Club. Ademais, o seu tema "Jaguarundi" foi escollido por TVE como banda sonora da Vuelta Ciclista a España de 1995. Víctor Coyote éun artista multidisciplinar. Tamén é autor de cómic, ilustrador, escritor, actor, realizador de documentais e videoclips, deseñador gráfico e pintor. Do 24 ao 29 de xullo presentarána Sala de exposicións do Auditorio da Illa “A liña de cons”, unha colección de debuxos inspirados nas suxerentes formas dos cons da paisaxe da Arousa.

XURXO MARIÑO – PRESENTACIÓN DO LIBRO “TERRA”

Entre 2013 e 2014 Xurxo Mariño, profesor da Universida de da Coruña especializado no funcionamento do cerebro, viaxou durante once meses ao redor do mundo: De Cabo Verde a Namibia, da Patagonia a Alaska, de Nova Zelandia e Australia ata China e Mongolia, un cúmulo de experiencias que conta no libro Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais), onde explica o mundo desde a ciencia. Unha crónica de viaxes que é, ao mesmo tempo, unha lección de xeoloxía, xeografía, historia, bioloxía, química ou da teoría da evolución, entre outros moitos saberes..

ANTÓNIO ZAMBUJO E UXÍA

António Zambujo (Beja, 1975) é un dos máis importantes cantores contemporáneos portugueses, gañador do Prémio Amália Rodrigues (atribuído pela Fundação Amália Rodrigues) na categoría de "Melhor intérprete masculino de fado". Aos seus 41 anos, Zambujo convertiuse na voz portuguesa masculina máis internacional do momento. Nas súas cancións fusiona elementos do jazz, a bossa nova, a morna, o chorinho e o cante alentexano co fado creando un estilo único. Zambujo ten unha relación moi especial con Arousa,lugar moi querido para el, onde participou no proxecto lusófono Cora Sóns. Virá en formato acústicoacompañado únicamente da súa guitarra para presentar o seu repertorio máis emblemático, coa colaboración de Uxía

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR